Comuñón e Semana Santa

Hoxe, ás portas de comezar o Triduo Pascual, corazón da nosa fe, fai un mes da primeira comunión de Íker en Mougás. Aproveitamos para telo presente na nosa oración xunto con tódolos rapaces que nestes últimos anos recibiron o Corpo de Cristo por vez primeira. Que permanezan unidos a Él e de Él nunca lles falte a fame para achegarse á súa mesa.

Mañán á tardiña reunirémonos en torno ao altar as catro parroquias para participar da mesa á que Cristo nos convida, compartindo un mesmo pan e un mesmo viño: o seu corpo e o seu sangue. Sabedores da nosa debilidade, da nosa fame e da nosa fraqueza, da nosa sede de vida plena que somentes nel será saciada.

Máis de dous mil anos despois seguimos xuntándonos para repetir o que aquela noite nunha cea nos deixou como mandato novo. «Amádevos os uns aos outros», «Facede isto en memoria de min». A institución da Eucaristía e o mandamento de nos servir os uns aos outros coma nos aprendou naquela Cea, sendo él o primeiro en lavar os pes aos seus.

Hoxe, máis que nunca, temos a necesidade de sentar arredor da mesma mesa, de parar o tempo, de sentir a ledicia de estar unidos, de gozar da familia; de sentir que a nosa comunidade sen a unidade esmorece e afoga no individualismo. Mañán, día do amor fraterno, será o día de reavivar en nós a nosa condición de bautizados, de irmáns, fillos do mesmo Pai, chamados ao amor, ao servizo, á posta en común das nosas capacidades para afrontar os tempos difíciles que chaman á porta.