Santa María la Real de Oia
Historia
Esta poboación de Oia cos lugares confinantes, que antes era unha porción da parroquia de Pedornes, foi erixida en anexo dela polo Sor. Bispo Dn. Fr. Francisco Garcia Casarrubios e Melgar o 25 de Xaneiro do ano 1841, en vista de expediente camaral que mandou formar, dispoñendo que servise de Igrexa parroquial aos seus moradores a do Mosteiro de Monxes Bernardos que aquí hai. Xa falamos desta poboación con bastante especificación no capitulo 15 do presente tomo a onde nos remitimos sobre o particular. Venera por Patroa tutelar a Sta. Maria Nsa. Sra., a quen celebran a súa festa o 15 de Agosto. Habítana 160 veciños, que pertencen polo contencioso político e gobernativo á Xustiza que hai no mesmo Oia como Cabeza que é de Xurisdición e partido. O valor dos seus décimos xa vai incluído co da matriz. Confina coa mar. Dista de Tui 4 longas leguas.” (Ávila y La Cueva, 531).

Igrexa
É difícil coñecer as orixes do Mosteiro con fidelidade histórica; o certo é que a mediados do século XII vivían aquí uns monxes, segundo a regra de S. Bieito, que posteriormente se incorporaron o Cister, dándose como data unanimemente aceptada o ano 1185.
A igrexa pode ser a máis representativa do Cister español pola pureza do seu estilo e a liña de sobriedade na que foi construída.
Alfonso VII e o seu fillo Sancho o Desexado foron os grandes benfeitores do Mosteiro. Así o 26 de Xuño de 1137 desvincula o Mosteiro da parroquia de Pedornes, e concédelle o padroado sobre varias igrexas, e tamén a percepción de tributos. As doazóns de bens continúan en 1149 e 1159, e en anos seguintes.
En agradecemento, as súas figuras están pintadas no arco triunfal da igrexa.
Ata 1286 o coto habitábano só os monxes e son eles mesmos os que solicitan a súa poboación. Nese ano Sancho IV concede que 20 pescadores poidan poboalo, e máis adiante Enrique III, nas cortes de Burgos o 20 de febreiro de 1392, confirma a concesión e permite que sexan máis as familias que o habiten.
Non soamente os reis españois lle facían doazóns, senon tamén os portugueses, como é o caso de Sancho II de Portugal que lle concede privilexios como o de 1245 de exención de portazgos aos barcos con este destino. E tamén había doazóns particulares por parte da nobreza.
Pola situación e importancia que foron collendo os Mosteiros, no século XV, os Reis Católicos inician unha reforma de todos eles apoiándose na Bula Quanta in Dei Ecclesia do ano 1487. A reforma non chega aquí ata o ano 1547 en que pasa a depender dos Xerais da Orde.
Durante moitos anos, pola súa situación estratéxica, o Mosteiro estivo encargado da vixilancia e defensa da costa. Por ese motivo tiña unha batería de canóns e era considerada como Praza de Armas, tendo o Abade o rango de xeral e a potestade para reunir aos veciños no caso de perigo.
Os monxes foron expulsados do mosteiro o 2 de decembro de 1820, pero o ser anulada a Constitución por Fernando VII, regresan en 1823. Con motivo da desamortización de Mendizábal no ano 1835, os monxes teñen que abandonalo definitivamente, e o Mosteiro e os seus bens son postos á venda. Igrexa e mosteiro emprenden entón camiños diferentes. O último Abade foi Anxo Amores, que é un dos firmantes do inventario que se entregou e consta no Arquivo Histórico Provincial.
Nestes anos o Bispo de Tui, Frei Francisco García Casarrubios e Melgar, trata de manter a igrexa do Mosteiro como propiedade da Igrexa, e en 1838 consígueo e fai de Oia un anexo de Pedornes con culto na mesma. Ao ver que a parroquia matriz era moito máis pequena que o anexo, converte este en parroquia independente baixo o título de Sta. María de Oia o 25 de xaneiro de 1841.
O mosteiro pasa a mans de particulares. No ano 1910 foi arrendado polos xesuítas expulsados de Portugal para facer nel un colexio, e estiveron nel ata 1932 cando, ao seren expulsados de España, foi incautado polo Estado pensando que eran eles os seus propietarios.
Na guerra española (1936-1939) estableceuse nel un cárcere. No ano 1942 volve a mans dos herdeiros do seu propietario.
O Conxunto foi declarado Monumento Histórico Artístico o 3 de xuño de 1931. E está declarado coma BIC pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.
O edificio da igrexa presenta, como xa dixemos, as características do Cister: unha gran austeridade, moita horizontalidade no seu corpo e a combinación de volumes sinxelos por medio de liñas e ángulos rectos.
Ten planta de cruz latina e tres naves.
A fachada occidental actual é barroca e dátase en 1740.
Está realizada a modo de retablo neoclásico de tres rúas diferenciadas polas pilastras. No eixe da rúa central a porta moldurada, a fornela, con peaña e moldura acodada, inscrita nun marco apilastrado e rematado nun frontis triangular, e a ventá rectangular e con moldura tamén acodillada. A imaxe que preside esta fachada é a da Asunción da Virxe, patroa da igrexa parroquial.
Nas laterais cada unha ten no centro do paramento a súa ventá, máis pequena e moldurada.
Unha cornixa a modo de entablamento separa o ático onde está o escudo da Orde con coroa imperial na rúa central. E remátase con frontis triangular que se ascende pola cornixa curva desde as pilastras extremas.
Cada pilastra remátase nun pináculo de bola e no cumio do frontis hai o seu.
A nave central é máis alta que as laterais e cóbrese con tellado a dúas augas. As laterais só a unha.
As ventás preséntanse coma seteiras con remate de arco de medio punto.
Nas reformas que sufriu no século XVIII, ao construírse o coro alto e a fachada occidental, variou a configuración das naves laterais e do testeiro. De todas formas aínda se pode observar parte da cornixa que percorría as naves, gran parte das seteiras e os contrafortes, escalonados nos seus remates.
As naves divídense en catro tramos. O cruceiro márcase claramente. E a cabeceira componse de 5 capelas rectangulares escalonadas, sendo a capela maior a máis longa e ampla.
A nave central é máis alta e ancha que as laterais. Ten bóveda de canón apuntado apoiada en arcos da mesma directriz que parten de ménsulas escalonadas.
As laterais tamén teñen a bóveda apuntada pero perpendiculares á nave central.
Os pilares de separación das naves teñen basamentos con escalón e son moi potentes.
A construción do coro alto, a finais do século XVI, sobre bóvedas nervadas levou consigo a desaparición dos últimos tramos das naves laterais e o reforzo dos soportes.
As cinco capelas da cabeceira teñen bóveda de canón apuntado. Os seus arcos triunfais son simples. Van escalonadas, as extremas son máis baixas que as intermedias, e estas máis baixas que a central.
Seguindo as características do Cister, chama a atención o triplet: as tres ventás que se atopan no testeiro do arco de acceso a capela maior, moi usado en abadías francesas.
A sancristía primitiva estaba adosada ao lado norte do cruceiro e dá paso á sancristía actual, que era a sala capitular. Parte dela foi aproveitada na reforma do século XVIII para cimentación da actual torre, que construíu Xoán Lomba en 1784.
Está formada por catro corpos. O inferior corresponde ao seu arranque dentro do edificio do mosteiro, sobresaíndo un pouco da cuberta. O segundo corpo é liso e serve de basamento ao corpo das campás rodeado dunha balconada de pedra e con ocos de medio punto en cada unha das caras. O remate fórmase cunha cúpula moi apuntada sobre tambor circular rodeado doutra pequena balconada con pináculos nas esquinas.
Na actualidade está en proceso de restauración sendo promovida a obra pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

Ten unha bóveda de nervos curvos e claves colgantes, con rosetas e plafóns cos escudos das Ordes Militares de Alcántara, Calatrava e Montesa. Foi obra de Bartolomé Hermosa, que aparece como mestre de obra no ano 1570.
O mesmo foi o que construíu o coro alto sobre as bóvedas oxivais de múltiples nervos e case planas.
A finais do século XVI, Pedro do Campo iniciou a construción do claustro de dous pisos que non rematou el por causa dunha enfermidade.
O retablo maior, de estilo manierista, foi instalado a comezos do século XVII. Consta de banco, dous corpos e ático.
As ménsulas do banco adórnanse con releves que representan monxes do Cister e Pais da Igrexa Latina: S. Gregorio e S. Xerónimo.
Os dous corpos manteñen o mesmo esquema: tres rúas e catro entrerrúas. Nas rúas laterais do primeiro corpo están os releves da Adoración de Pastores e a dos Reis Magos, separando os espazos con columnas de fuste estriado helecoidalmente menos no primeiro terzo que se adornan con releve de nenos. E nas entrerrúas están as esculturas de bulto redondo sobre peañas.
Nas do segundo corpo os releves mostran a Ascensión e Pentecoste. As columnas son completas de estriado vertical.
Na rúa central do primeiro corpo está o Expositor, enmarcado en talla e na actualidade ocupado por un Crucifixo.
Mesmo enriba del está o pedestal que fai de base á fornela que sobresae onde está a imaxe da Virxe do Mar.
Os frontóns das rúas deste segundo corpo son triangulares con adorno dun anxo e están sobre o entablamento de separación do ático, mentres que os do primeiro corpo son curvos e están no marco da caixa.
A caixa principal do ático é un Calvario rematado con frontón triangular co Pai Eterno. Ao seu lado S. Bernardo. Complétase con decoración de pináculos e outros elementos decorativos.
Foi restaurado no ano 2008.
A imaxe da Virxe do Mar que preside o retablo non é a orixinal. Conta a tradición que no ano 1581 foi descuberta por uns pescadores no acantilado da costa próxima ao Mosteiro, e foi levada a este en procesión. Estivo un tempo no Mosteiro, pero o xeral da Congregación de Castela decidiu trasladala a Salamanca, a un colexio da Orde.
Ao ano seguinte fíxose unha reprodución exacta da mesma, que é a que na actualidade ocupa o camarín do retablo. A orixinal consérvase no convento das monxas cistercienses de Salamanca.
Das imaxes dos santos que ocupan as rúas laterais cabe destacar pola súa expresividade as de S. Bernardo e S. Raimundo de Fitero (fundador da Orde de Calatrava) que ocupan as peañas máis próximas ao Expositor no primeiro corpo.
Nas pilastras do arco da capela maior hai dous anxos portantes, para o sostemento das lámpadas que alumean continuamente o Sagrario, e que hoxe non existen.
No lado da epístola, adosado ao arco triunfal, está o púlpito de pedra que se apoia nunha fermosa columna que lle fai de base. No seu tornavoz, na cartela do anxo que o remata, aparece a data de 1733.
O arco triunfal conserva non só as pinturas frontais senón tamén as inferiores, nas que se representan os escudos das distintas Ordes Militares.
Retablo de S. Bieito: Situado cubrindo o inicio do arco triunfal no lado da epístola.
Pola súa talla é moi probable que pertenza aos primeiros anos de 1700. A súa principal curiosidade é a adaptación que consegue dobrando os seus laterais para acoller dentro a pilastra do arco.
O banco ten un gran panel central con adornos de cintas e vexetal e no centro un anxo. Nos lados dúas grandes ménsulas para apoio das columnas salomónicas do corpo central.
A caixa é plana e enmárcase por un arco carpanel e decoración vexetal. Unha moldura coa cuncha de peregrino dá paso ao remate cadrado no que, en releve sobre follas, dous anxos enmarcan a mitra episcopal e unha coroa. Enriba desta cartela con peaña de anxo flamíxero está a imaxe de S. Miguel. Na actualidade presídeo a imaxe do Sagrado Corazón. Foi restaurado no ano 2006.
Hai documento de outros dous retablos colaterais que foron contratados a Diego de Otero, veciño de Baiona, no ano 1704, polo Abade do Mosteiro Diego de Miranda.
Un deles estaría dedicado a S. Bernardo e o outro á Virxe da Consolación.
É moi posible que o retablo que hoxe en día está adicado a San Xosé sexa un deles polas características que se describen no contrato. O outro probablemente sexa o que na actualidade está na igrexa de Mougás como retablo-marco das Ánimas. De feito a distribución, o tallado, as columnas, os adornos, os mascaróns e os galos sonda mesma man.
Neste retablo, amais da imaxe de S. Xosé, á que lle falta o Neno, están as de S. Cosme e Damián, de gran devoción en toda esta zona. O Retablo e a imaxe de S. Xosé están en mal estado. Sería necesaria unha urxente restauración antes de que se perda máis.
Conserva outro retablo dedicado á Dolorosa, tamén con moitas perdas de color e dourado.
Hai dúas pilas bautismais, unha románica e outra barroca.
O coro alto realizado en pau de rosa, ten 54 asentos, divididos en dobre fila de sitiais. No do Abade adórnase cunha Asunción en releve e pintada, ao igual que os dous esquinais coas imaxes de S. Bieito e S. Bernardo.
Tamén se adorna con escudos das Ordes militares.
Dentro da súa sinxeleza mostra gran harmonía. Conserva o facistol.
No medio da explanada do convento había un cruceiro que foi trasladado ao recinto de enfronte, xunto á carretera.
Un pouco máis abaixo, na praza da Centinela, hai outro Cruceiro que data do ano 1764 como podemos observar nunha longa inscrición, na que se pode ler: “PEDRO DOMINGUEZ ME PUSO POR SU CUENTA AÑO DE 1764”. E tamén as indulxencias concedidas.
É curiosa a representación das tres Ánimas que ten na basa, encima do peto. A cruz é cuadrangular e sinxela, presentando só unha piedade no anverso.
Capela de S. Xián
San Xián: é este un lugar da antecedente parroquia do Rosal, que por atoparse lonxe, máis de legua e quarto da Igrexa matriz, e cunha gran montaña no medio, ten capela con capelán para oír misa os seus moradores os días festivos e de precepto; dedicada a Sn. Xulián Mártir, titulado o Cazador, a quen festexan o 7 de Agosto. A este santo chamábano antigamente no pais Sn. Xián, e de aquí tomou nome a presente aldea. Dela e da súa capela hai moi antiga mención en escrituras do Mosteiro de Oia, pois en Agosto do ano 1225 Rodrigo Rodríguez fixo doazón á referida casa relixiosa de todo canto lle pertencía na Igrexa de Sta. Mariña do Rosal e na ermida de Sn. Xulián, que é da que falamos. No 1227 Miguel Pérez e a súa muller chamada Muller Boa tamén doaron a dito Mosteiro toda a herdade que tiñan na indicada ermida de Sn. Xulián coa quarta parte da mesma capela. No 1245 o expresado Mosteiro seguía pleito con Garcia Ramirez e a súa muller Sancha Pérez sobre certas herdades na mariña, preto da ermida de Sn. Xián, e eran estas as de Figueiró, Portocelo, Medelo e Sn. Xián. Averiguouse por verdade no litixio ser todas do citado Mosteiro. Outro Pleyto volveu ter este co Concello Xustiza e veciños da Vila da Guarda no 1386 sobre demarcación e pertenza do lugar de San Xián, no que se deu sentencia a favor do Mosteiro no propio ano, a que, por ser curiosa e interesar ás memorias desta aldea, copiamos aquí, e di así: “Ano da nacensa de noso Señor Jesu Xpto de mil é tres centos e oytenta e seis anos vinte e cinco dias do mes de Mayo, saban quantos este estrumento de sentencia viren como Pleyto e contenda era antre o Concello e Juiz e Alcaldes e homes boos da Vila da Garda da hua parte, e D.n Fr Estebo Lourenzo Abade e Convento do Monasterio de S.ta Maria de Oya da outra parte por ante Afonso de Parada Juiz da dita vila da Garda por razon que ó dito Concello e homes boos de elle decian: Que os moradores de Sanjian que debian á viir a Vila e pagar os tributos con os moradores do couto de dita vila asi como os outros moradores do dito couto da Garda. E o Abade por si e pollo convento decian que non, a razon, porque estaban en o pose pacifica de dez, vinte, trinta, cuarenta, cincuenta sasenta anos e muyto mais que a memoria dos homes non he en contrario dos que moraban en o dito lugar de Sanjiaon que eran couteyros do dito Monasterio e davan as jeiras e pagaban o pedidos e facian coutaria segundo os outros moradores no dito couto: e que farian certo por homes antigos, e outro si por un Privilegio de Emperador D.n Alfonso pello qual poderian ver certamente as divisioens e departimentos da antre un couto e outro. E estando assi o dito pleyto, e as ditas partes receando danos e custas que se ende seguerian, vieron a tal avienza que o dito Juiz que vise o dito Privilegio, e outro si que soubese dos homes mais antigos do couto da Garda pella guisa que usaron sempre, e librase sobre ello ó que achase por dereito. E o dito Juiz asignou dia en que veesen oir sentencia a o qual dia apareceron as ditas partes por ante o dito Juiz, e demandaron que librase sobre lo dito pleyto o que achase por dereyto; e o dito Juiz deu esta sentencia que tal he: Eu Afonso de Parada Juiz sobre dito visto ó dito pleyto antre os ditos Abade e Convento do dito Monasterio de hua parte e o Concello da Vila da Garda e veciños e moradores della da outra, e visto o dito Privilegio que me mostrou o dito Abade do Convento e o contendo en o dito Privilegio; e outro si o dito dos homes antigos que sobre ello juramentey abudo acordo e consello sobre esto con homees boos letrados sabedores en foro e en dereyto, atento a que o dito Abade e Convento do dito Monasterio de S.ta Maria de Oya mostrou ben claramente as ditas divisioens pello dito Privilegio dentre o Couto do dito Monasterio de Oya, e o Couto da dita Vila da Garda, e mando por sentencia que lle seya gardado e mantudo o dito Privilegio en todo e por todo segundo que foy hasta aquí e selle mellor e mais compridamente conten en o dito Privilegio. E por sentencia de Juizo ó pronuncio todo assi. E mostrada e leúda a dita sentencia ante o dito Juiz presentes as ditas partes, o dito D.n Abade por si e en nume do dito Convento do dito Monasterio disse que recebia a sentencia e que sonsentia en ella. Esto foy en a dita Vila da Garda a os dias e mes e era sobre dita Vc.” Seguen os nomes dos testigos que presenciaron a sentencia, e as firmas do Xuíz e escribán. O Privilexio do Emperador Dn. Alonso que aquí se cita porémolo á letra na historia do Mosteiro de Oia onde o pode ver quen goste. Habitan este lugar de San Xián 20 veciños, cuxo número xa vai incluído no dos da matriz; pero os de aquí corresponden polo contencioso político e gobernativo á Xustiza da Guarda, e parte nos mesmos casos á de Oia, servindo de división un regueiro que baixa atravesando polo medio da aldea ata introducirse na mar. Valen os seus décimos 2.400 reais, que pagan os seus moradores ao Abade e sen Cura do Rosal pola Orde que lle fai a matriz. No ano de 1796 os veciños desta aldea solicitaron en xuízo contencioso ante o Provisor de Tui o desmembrarse do Rosal e erixila en parroquia enteiramente independente de aquela, e niso conveu o Abade da matriz Dn. Melchior de Sandoval por atopar moi xusta a pretensión; e substanciado o expediente, e a consecuencia de Ordes da Real Cámara de 12 de Marzo e 8 de Xuño do indicado ano por auto que proveu o Sor. Bispo Dn. Xoán Garcia Benito en 7 de Febreiro de 1806 erixiu o lugar de San Xián en vicaria perpetua desmembrándoa do Rosal só para o efecto da administración de Sacramentos, e non para outro algún, declarándoa de concurso, e dotándoa coas rendas da Capela colativa de libre colación titulada de Quintandona sita no Rosal, e mais 200 ducados sobre os participes de décimos á prorrata dos que cada un leva. E pediuse a auxiliatoria á referida R. Cámara, que a expediu o 9 de Abril do propio ano 1806. Pero ata agora non se chegou a realizar a erección desta parroquia, ignoramos por que causa. Confina Sanxián co Océano. Dista de Tui 4 leguas, en moitas partes de mal camiño.” (Ávila y La Cueva, 524-527).
Igrexa
Antigamente pertencía á parroquia do Rosal.
En 1796 os veciños solicitan que se declare parroquia independente e en 1806 o Bispo Xoán García Benito eríxea como vigairía perpetua. Non se erixiu como parroquia e pasou a ser anexo de Oia.
A igrexa é moi sinxela. Consta dunha soa nave rectangular, e o presbiterio que é un corpo cadrado máis alto e ancho que a nave. Polo sur engadíuselle a sancristía ao lado do presbiterio.
En todos os esquinais presenta un apilastrado sinxelo como apoio da cornixa en media cana que acolle o tellado.
Este é a dúas augas na nave, e no presbiterio a catro, adornando os esquinais con pináculos e tamén o cumio.
A ábsida ten máis altura que a nave e a bóveda de cruzaría de pedra cos nervos moi resaltados e clave colgante.
A fachada occidental non ten máis adorno que as pilastras extremas, a cornixa que ascende e fai de base da espadana e unha fiestra rectangular de derrame externo para dar luz na tribuna e na nave colocada sobre a única porta de acceso.
A espadana é dun só oco e adórnase no seu remate con cruz pétrea e pináculo de bola extremos.
Conserva un retablo que ocupa o paramento da capela maior feito coa recuperación de elementos barrocos dun retablo anterior.
Na súa predela, catro ménsulas con adornos vexetais e un apoio para o sagrario que ocupa parte da rúa central.
O corpo divídese en tres rúas. A súa separación faise con catro columnas. As extremas son salomónicas adornadas de parra e acios de uvas. As internas son de clásicas, con separación por un anel no primeiro tercio, e adórnanse con follaxe e paxaros.
Nas rúas laterais as imaxes apóianse en peañas e na rúa central unha fornela enmarcada e pouco fonda acolle a S. Xulián bispo e o relicario que contén un fragmento de tecido da urna sepulcral do mesmo, coma consta na auténtica.
No ático outra fornela para acoller a Sta. Liberata e dúas peaña con santos.
Nun lateral da mesa de altar está unha fermosa imaxe barroca da Virxe do Rosario.
O adro está rodeado de muro propio e foi cemiterio.
Nel había un antigo cruceiro que se trasladou para a praza próxima.
A súa base é irregular e xunto con tibias e calaveras ten a seguinte inscrición percorrendo as súas caras: ”ME MANDO FAZER + 1573 GR ESTEBEZ”.
O fuste, circular e estriado, componse de dúas pezas. O seu capitel é esférico e tamén se adorna con tibias. A cruz ten os paus rectangulares. No anverso baixo a cartela co INRI presenta un Cristo moi estilizado. No reverso sobre unha pequena peaña está a Virxe en actitude orante coas mans xuntas.
Festas e romaxes de San Xián:
S. Xián: 7 de xaneiro.
Capela de S. Sebastián
Só quedaban os muros da capela, pero foi restaurada no ano 1993.
Ten unha inscrición que fai referencia ao traslado da imaxe de S. Sebastián a esta capela no ano 1770, xa que anteriormente a súa advocación era a de Sto. Antón.
Pertencía aos monxes do mosteiro e tiña un adro. Cando foi a desamortización do Mosteiro, os veciños apoderáronse dese terreo, e non foi posto á venda ao igual que o foron os outros bens.
Festas e romaxes de Oia:
- S. Sebastián: Fin de semana próximo ao 20 dexaneiro.
- Corpus Christi
- Nosa Señora do Mar: Luns seguinte a Pentecoste, día de Sta. María, Nai da Igrexa.
- Virxe do Carme: (variable)
- Stos. Cosme e Damián: 27 de setembro.
Bibliografía: Arciprestados de Tui-Vigo, A Guarda-Tebra, Tomo II.
Localización
Parroquia: Oia (Santa María)
Lugar: O Arrabal
Lg Monasterio (Oia)
36794 Oia – Pontevedra