Santa Uxía de Mougás
Historia
Con gran variación expresan as escrituras antigas da Igrexa de Tui e Mosteiro de Oia esta parroquia, pois a nomean Mogaes, Mogayas, Mogas e Mougaes; pero agora hai uniformidade en chamala Mougás. O Emperador Don Alonso 7º, atopándose na Cidade de Tui en 26 de Xuño do ano 1137, fixo doazón ao referido Mosteiro de varias Igrexas, e entre elas foi unha a de Mogaes; despois o mesmo Monarca, en 23 de abril de 1149, volveulle dar as Vilas de Mogayas e Viladesuso. En 4 de Agosto de 1446 o Sor. Bispo de Tui Dn. Luis Pimentel fixo Titulo da sen cura de Sta. Uxía de Mogaes á presentación do Cabido Catedral de Tui; pero hoxe en día non existe tal sen cura. Venera Mougás por Patroa tutelar Sta. Uxía Virxe e Mártir Romana, que ten o seu día propio o 25 de Decembro, aínda que aquí celébrana o 27 do mesmo. Habítana 120 veciños, que pertencen polo contencioso político e gobernativo á Xustiza de Oia. Producen os seus décimos 21.000 reais, que por enteiro levanta o Párroco, quen ten casa reitoral e igrexario de 4¾ ferrados de pan en semente. A Fábrica da igrexa percibe de renda anual 497 reais con 23 marabedís de bens en arrendo. Paga á Mitra de Tui dúas partes dun Xantar 133 marabedís vellos e 4 diñeiros. Este Beneficio é de presentación Real e Ordinaria; antigamente e por moito tempo foino do Mosteiro de Oia. Confina co mar Océano. Dista da capital 4 leguas cumpridas.” (Ávila y La Cueva, 528-529).
Igrexa
Foi unha das igrexas que Alonso VII doou ó Mosteiro de Oia xa no ano 1137.
Desta primitiva igrexa non quedan restos algúns.
A actual construíuse no ano 1619.
A súa fachada occidental é de gran sinxeleza. Pero ao mesmo tempo, pola situación en que se atopa, dá sensación de gran potencia.
Presenta unha gran porta alintelada e unha ventá rectangular que dá luz á nave central.
Remata a súa fachada en capias e cruz pétrea de remate.
No lado norte ten a torre de base cadrada. A unión da fachada coa torre faise por medio dun quebro nas capias e no tellado, facendo unha ruptura na liña do mesmo.
A torre presenta dous corpos. O inferior totalmente liso ata a cornixa de separación. O segundo corpo ten catro ocos de arco de medio punto para as campás, e adorna os seus machóns cunha pequena cornixa a modo de capitel clásico como apoio do arco. Logo da cornixa de separación con catro pináculos de bola ten o tambor e a bóveda de media laranxa rematada noutro pináculo similar.
O tellado é a dúas augas, e no paramento leste, tamén con capias, remátase con cruz similar á da fachada principal no seu cumio.
Nos paramentos norte e sur apréciase a cornixa de apoio do tellado, ben separada do mesmo, mostrando cal sería a altura orixinal do mesmo antes das reformas que sufriu. Na actualidade a teitume é unha placa de formigón.
Temos noticias de reformas realizadas xa no ano 1840 polo mestre canteiro de Tui, Xosé Areal.
A sancristía engadiuse no lado norte.
No interior divídese en tres naves por medio de arquearía sobre columnas cadradas e pilastras extremas.
O arco triunfal, de medio punto, mostra como con anterioridade o presbiterio tiña unha altura distinta ó resto da igrexa, o mesmo que o tellado da capela maior.
Conserva o púlpito de pedra adosado ao arco triunfal e á pilastra última da arquería.
Conserva catro retablos, todos eles barrocos.
O retablo maior ocupa todo o paramento leste do presbiterio.
Preséntasenos totalmente plano cun lixeiro adiantamento nas ménsulas de soporte das columnas salomónicas de capitel corintio e adornadas con emparrado que dividen as tres rúas do único corpo.
O banco é moi amplo e compartiméntase coas ménsulas adornadas con follas, repetíndoas no ático.
O sagrario ocupa a parte central, e atópase integrado nun templete independente de planta poligonal con catro pequenas columnas salomónicas nas esquinas, que ascenden pola rúa principal ocupando gran parte da mesma. Enriba do sagrario está o Expositor. Cérrase cunha cúpula de media esfera gallonada.
As rúas laterais presentan caixas planas co que fai necesarias unhas peañas saídas para acoller as figuras de S. Pedro e S. Paulo. Adórnanse as fornelas con marcos acodillados e cabeza de serafín coroado, e un pequeno frontón curvo partido.
Na rúa central, por riba do templete, outra pequena caixa plana con marco acodillado e columnas semellantes ás anteriores, acolle a imaxe da patroa: Sta. Uxía.
O corpo sepárase do ático cun entablamento horizontal e continuo, dividido segundo o mesmo esquema e facendo coincidir a perpendicularidade dos soportes.
As tres caixas están ocupadas por S. Bernardo, no centro, S. Francisco e S. Fernando.
Remátase con outro entablamento e sobre el un gardapó. Polos laterais adórnase cunha talla calada, da que faltan algúns espazos.
As imaxes son probablemente as propias do retablo, e tanto unhas coma o outro pódense datar a comezos do século XVIII.
As naves laterais están presididas polos retablos do Rosario e do Carme.
O primeiro deles presenta os seus laterais cunha lixeira inclinación cara a parte central (ochavamento). A predela decora os paneis das rúas laterais con adornos florais. No centro está o Sagrario adiantado ata os soportes dos estípites exteriores, enchendo o espazo intermedio cunhas gradas laterais.
As rúas laterais presentan caixas planas rematadas en cartelas rectangulares co adorno de venera, e acollen a Sto. Antón e S. Bieito.
A rúa central enmárcase con catro estípites, dous adosados ao paramento e os outros dous, diferentes a eles, adiantados para formar un expositor aberto presidido pola Virxe do Rosario sobre un escabelo de nubes e anxos.
A cornixa de separación adáptase á forma das rúas.
O ático é retranqueado e cérrase con arco de medio punto dividido en sectores cuadrangulares adornados de follas e flores. O centro fórmao un corpo adiantado para outra caixa plana enmarcada por un arco, que ocupa a imaxe de S. Sebastián.
O retablo do Carme é moi parecido ao anterior, pero máis sinxelo.
Tamén presenta ochavamento nas rúas laterais. A predela é ampla e no centro, ao non ter sagrario, unha cartela semella como a peaña para soster a imaxe da rúa central.
As fornelas son practicamente planas e remátanse con arcos acodados. E nas laterais por riba delas presentan cartelas rectangulares. Acollen a S. Xosé e S. Roque.
A rúa central enmárcase con dous estípites. O arco da fornela é de medio punto.
O ático non ocupa todo o entablamento, senón que está centrado nel e forma un abucinamento en arco apuntado dividido en sectores similares.
Ten outro pequeno retablo-marco para soporte dun cadro coa representación das Ánimas e a Virxe do Carme.
A predela ten nos extremos os apoios, moi xuntos, para as catro columnas salomónicas emparradas que forman a única rúa central. Parece que tivo sagrario pero o seu oco está ocupado por distintos elementos que non son deste retablo.
Enriba do cadro hai un adorno de acios de froitas. Un fino entablamento separa para dar paso ao gardapó adornado con flores.
É moi curioso o adorno que fai de marco ao retablo con mascaróns na predela e galos coroados con acios de uvas no pico.
Festas e romaxes de Mougás
- Festividade do Corpus: (variable)
- Nosa Señora do Carme: 16 de Xullo
- Sta. Uxía: Celébrase o 27 de decembro (Calendario hispano-mozárabe) e no sábado máis cercano ao 24 de xuño
Non se pode falar de Mougás sen facer referencia á Rapa das Bestas.
A tradición conta que na peste que houbo no ano 1567 no sur da provincia de Pontevedra, dúas irmás ofreceron a S. Lourenzo dous cabalos se as auxiliaba na enfermidade. Unha vez pasou o perigo, para cumprir a súa promesa, entregáronlle ao párroco os animais, e este liberounos no monte.
Tamén se di que xa no século XIII os monxes de Oia criaban cabalos en semiliberdade nestes montes da Groba.
Ao chegar o mes de xuño comezan os curros. O primeiro domingo corresponde ao de Torroña e o segundo fin de semana é o de Mougás. Aquí celebrarase outro curro o terceiro domingo de agosto, que chaman o Curro das Moscas.
Bibliografía: Arciprestados de Tui-Vigo, A Guarda-Tebra, Tomo II.
Localización
Parroquia: Mougás (Santa Uxía)
Lugar: A Igrexa
Camino da Igrexa 9
36309 Oia – Pontevedra