San Mamede de Pedornes
Historia
O Emperador Dn. Alonso 7º, atopándose na Cidade de Tui a 26 de Xuño de 1137, concedeu ao Mosteiro de Oia, entre outras varias Igrexas, a presente de Pedornes; aos doce anos adiante, en 23 de Abril de 1149, o mesmo soberano volveulle dar a Vila de Pedornes. No de 1331, a 28 de Xuño, o Bispo de Tui Dn. Rodrigo cedeu ao dito Mosteiro e ao seu Abade Dn. Pedro a Igrexa de S. Mamede de Pedornes con todos os seus décimos e pertenzas, e o Mosteiro deu ao Prelado na súa recompensa as de Santiago de Estás, Sn. Pedro de Forcadela, Sn. Xoán de Campo e Sn. Paio de Moselos, estas dúas últimas en Portugal, que todas eran do seu padroado e presentación. Venera Pedornes por Patrón tutelar a Sn. Mamede Mártir de Cesarea, a quen celebran o 7 de Agosto. Habítana, excluído o anexo de Oia, cousa de 55 veciños, que corresponden polo contencioso político e gobernativo á Xustiza do referido Oia. Valen os seus décimos e os do indicado anexo 30.000 reais, que por enteiro levanta o Mosteiro de Oia co cargo de poñer e dotar aquí ao cura párroco, que sempre é un Monxe da motivada casa; este non ten casa reitoral nin igrexario, só cobra cada ano dun censo 8 reais e 20 marabedís. A Fábrica da Igrexa percibe tamén de censos anuais 103 reais con 8 marabedís. Ten esta parroquia unha Casiña cunha cama e moi curta dotación para dar pousada a un pobre transeúnte, que dotou Francisco Fernández; mais ten escola de primeiras letras que produce ao ano 264 reais. Confina coa mar. Dista de Tui 4 leguas cumpridas.” (Ávila y La Cueva, 530-531).
Igrexa
A historia da igrexa de Pedornes está intimamente ligada á do Mosteiro de Oia, como xa vimos.
No ano 1137 a igrexa foi doada por Alonso VII ao Mosteiro, e doce anos despois tamén foi doado todo o pobo.
Douscentos anos despois, cando pertencía de novo ao Bispado de Tui, serviu como troco entre a Diocese e o
Mosteiro, que a cambio dela entregou as de Estás, Forcadela e outras dúas en Portugal.
Aínda que pertencía ao Mosteiro, esta igrexa servía como parroquial, xa que Oia non tivo consideración de parroquia ata o ano 1841, en que é constituída anexo de Pedornes polo Bispo Francisco García Casarrubios e Melgar, quen posteriormente, no mesmo ano, faina parroquia totalmente independente.
Do primitivo templo non quedan restos, aínda que polas trazas, podería ocupar a nave actual.
Na fachada occidental, moi sinxela, atopamos unha porta de arco de medio punto, e nas súas doelas centrais a inscrición “1732 REFUGIO”. Mesmo enriba hai unha fornela que acolle a imaxe pétrea do Patrón. Para protexela puxéronlle marco de aluminio e cristal. Unha fiestra rectangular completa o adorno do paramento. Cérrase cunha pequena cornixa lineal que ascende ata a base da espadana.
Esta é de dous ocos tamén de arco de medio punto, e adorna os tres machóns coa mesma cornixa no medio deles, e por riba da moldura de remate. Ten cruz pétrea central e pináculos prismáticos nas esquinas.
Os paramentos laterais da nave están reforzados por catro contrafortes percorridos por unha cornixa de apoio do tellado, que é a dúas augas.
A capela maior ocupa o corpo do presbiterio, que é unha construción posterior á da nave. Ten planta cadrada, máis alta e ancha que a nave, e polo exterior adórnase con apilastrados nos esquinais. O seu tellado é a catro augas, e adórnase con pináculos nas esquinas.
Ao lado norte engadíuselle a sancristía.
No interior, a nave presenta unha bóveda de placa a dúas augas dividida en catro tramos polos arcos de canón en pedra que se apoian en fortes pilastras. O último deles fai de arco triunfal.
A bóveda da capela maior é de canón con moi bo traballo de cantería nos perpiaños que a forman.
Nela atopamos labrado na pedra o escudo completo do Mosteiro de Oia coa seguinte inscrición: “ESTA CAPILLA ES DE EL RL. MONASTERIO DE HOIA REEDIFICOSE AÑO 1736”. O máis probable é que se refira soamente ao presbiterio como tal, aínda que se fixeran algunhas remodelacións como pode ser a espadana, que probablemente sexa da mesma época.
O escudo divídese en tres partes: no cuartel superior dereito aparece o báculo e a mitra, xa que o Abade do Mosteiro era Abade mitrado, desempeñando na súa demarcación as funcións do Bispo na súa Diocese. No superior esquerdo presenta nove letras “A” maiúsculas divididas de tres en tres. As teorías do seu significado son diversas: uns falan da referencia de agradecemento a nove reis co nome de Afonso e outros que é unha referencia a Alfonso IX.
Na parte inferior ten unidos os outros dous cuarteis: dun lado está unha rama de figueira con figos, en referencia á figueira que tiña o Mosteiro e que deu froito fóra do seu tempo, e no outro lado un castelo, que representa a fortaleza de defensa dos fieis e da costa.
E como é preceptivo remátase coa coroa real.
A presenza dos monxes nótase tamén nos retablos e na imaxinería dos mesmos. Conserva cinco retablos que precisan dunha restauración para recuperar toda a súa beleza.
O retablo maior ocupa a ábsida. Presenta un zócalo moi alto e a mesa do altar no centro do mesmo. O zócalo nas rúas laterais ten pilastras de apoio para as columnas que forman a rúa, e entre elas un anxo portante da peaña elevándose máis arriba das pilastras.
As columnas das rúas laterais son lisas e de capitel composto. A caixa é plana e enmárcase cunha cenefa vexetal acodada que no centro ten unha tarxa. Están ocupadas por S. Bieito e S. Bernardo.
Pola súa parte a rúa central, entre dúas columnas salomónicas co único adorno dunha cinta que percorre a súa curvatura, fórmase cun corpo ben diferenciado que vai dende o altar ata o ático a modo de baldaquino adiantado e apoiado en catro columnas. Elévase por riba das rúas laterais e quebra o entablamento.
Apoiado na mesa do altar está o sagrario, moi adornado, con pilastras e columniñas, e na porta un releve co Cristo Resucitado.
A fornela central dentro do templete ten unha peaña para acoller unha imaxe, pero no principio sería para o Expositor. Adórnase o frontal cunha cartela con cabeza de anxo e aos lados dúas pequenas peañas con adorador.
O ático na parte central ten unha caixa con cuberta adiantada para acoller unha imaxe do Patrón. Nos cuartos laterais hai dous anxos que portan espellos con adorno vexetal.
O remate é o escudo abacial de Oia suxeito entre dous anxos.
Retablo do Carme
No muro norte próximo o arco triunfal.
Presenta unha predela moi alta e na parte central da mesma unha caixa plana para a colocación dunha imaxe, que na actualidade ocupa S. Roque, ascendendo ata ocupar parte do espazo correspondente á fornela do corpo.
Este ten unha soa rúa e dúas entrerrúas con pequenas peañas e adornos de guirnaldas de follas e froitas. A caixa é plana e adórnase cun arco rebaixado e un marco acodado.
No centro do marco ten un adorno vexetal. Dous estípites sosteñen o entablamento. Remátase con adorno de follas e venera central. Nos extremos hai pináculos.
Retablo de Ánimas
No lado sur e próximo ao arco triunfal.
É un retablo-marco. A predela adórnase con follas carnosas e cintas. Adianta as súas ménsulas para acoller as dúas columnas salomónicas de cinco voltas adornadas con acios e follas de vide.
A fornela é plana e enmárcase con dúas pilastras que sosteñen un arco elíptico. Tanto as pilastras coma o arco están profusamente adornados de follaxe. As entrerrúas presentan unha guirnalda feita de cintas, acios de figos e de uvas e flores.
Ocúpase coa representación de cinco ánimas e por riba delas S. Miguel como un guerreiro enarborando a espada e na outra man a balanza.
Sobre un rebanco, o ático ten outra fornela central, ocupada hoxe por S. Vicente Diácono, pero que debería ocupar un Calvario, entre outras cousas pola pintura que conserva representando a cidade de Xerusalén.
Remátase en plinto triangular partido para acoller unha cruz.
Retablo de sto. Antón
No lado norte. En moi mal estado e fáltanlle pezas.
Non ten predela. Apóiase directamente sobre o altar. O corpo ten unha única rúa cos seus estípites adiantados para dar profundidade á fornela que se remata cun arco trilobulado. Os estípites sosteñen dúas imaxes de nenos que centran a atención no Sto. Antón.
Esta rúa central enmárcase con dúas entrerrúas con adornos vexetais e outros dous estípites extremos. Só conserva o entablamento da parte central onde se apoia a fornela do mesmo.
Esta ten arco de medio punto e cobixa a S. Brais. Adórnase con dúas sereas coroadas que sosteñen o entablamento do remate, que tamén falta.
Nas entrerrúas e sobre o altar ten dúas magníficas imaxes: S. Xosé e outro Sto. Antón.
Retablo da Virxe do Rosario
No lado sur, enfronte do anterior co que ten similitudes, pero máis profusamente adornado.
Tampouco ten predela e apóiase directamente no altar.
Unha única rúa cos estípites adiantados para dar profundidade á fornela central, tamén de arco trilobulado, pero no lóbulo central está a figura do Espírito Santo.
Os catro estípites adórnanse con cabeza de anxo para separar o seu último tercio. Os extremos complétanse co capitel no que apoia un neto para o entablamento, e os dous centrais rematan en anxos completos.
As entrerrúas, moi adornadas, tamén rematan en cabezas de anxo.
Na fornela central, dous anxos sosteñen a coroa e outros separan os panos do dosel que cubriría a imaxe da Virxe colocada sobre un pedestal adornado cunha coroa de cabezas de anxos. Probablemente estivera dedicado á Asunción ou á Coroación da Virxe.
No ático hai outra fornela fonda e profusamente adornada coa imaxe de San Sebastián.
Remátase cunha cartela coa H e a Cruz enriba e adornada con follas.
Festas e romaxes de pedornes
- Corpus Christi: (variable)
- S. Mamede: 7 de Agosto.
Bibliografía: Arciprestados de Tui-Vigo, A Guarda-Tebra, Tomo II.
Localización
Parroquia: Pedornes (San Mamede)
Lugar: Pedornes
Camino da Igrexa 7
36309 Oia – Pontevedra