San Miguel de Viladesuso

Historia

Por morte do Abade párroco de Mougás Dn. Xoán Valbuena, acaecida en 7 de Xaneiro de 1791, formouse expediente para desmembrar daquela o lugar de Viladesuso e erixilo en parroquia por estar a longa distancia, media legua de camiño costaneiro malo e despoboado, da igrexa da matriz, cuxo litixio durou ata 1796, cando a 20 de Agosto o Licdo. Dn. Mariano Garcia de Tejada, Provisor de Tui, deu Sentencia pola que fixo a desmembración, erixindo o referido lugar en parroquia en todo independente da de Mougás, sinalándolle por limites a Viladesuso desde o sitio da Laxe do Costado que esta a orillas da mar ata o marco de Piñeyro, e desde aquí en liña recta ata o sitio do camiño de Sicias, continuando desde dito sitio en liña recta ata a mesma ribeira da mar. A esta desmembración deu seu ascenso consentimento e auxilio a súa Maxestade para que se levase a efecto en Sn. Lourenzo a 26 de Outubro do mesmo ano 96. No sitio onde se levantou a Igrexa parroquial había antes unha Capela dedicada ao Anxo Custodio que celebraban o 1º de Marzo; e desde que se erixiu a parroquia venera esta por Patrón tutelar ao Arcanxo Sn. Miguel, a quen lle celebran a festa o 29 de Setembro. Habítana 94 veciños, que pertencen polo contencioso político e gobernativo á Xustiza de Oia. Valen os seusdécimos 17.500 reais, que leva insolidum o Párroco, quen non ten casa reitoral nin igrexario. A Fábrica da igrexa percebe de renda 2 ferrados de millo. Este Beneficio é de presentación Real e Ordinaria. Confina coa mar. Dista de Tui 4 leguas ben cumpridas.” (Ávila y La Cueva, 529-530).

Igrexa

Na antigüidade estaba unida á parroquia de Mougás, da que se desmembrou no ano 1796, e no lugar onde tiñan unha ermida dedicada o Santo Anxo, edificouse a igrexa parroquial no tempo en que gobernaba a Diocese o Bispo Xoán García Benito.
Seguramente as obras comezaron o ano seguinte (1797) e remataron no ano 1801, data que está inscrita nun dos arcos interiores, aínda que probablemente non se rematou totalmente nese ano ou as obras non foron de suficiente calidade, xa que poucos anos despois, no 1833 e no 1878, houbo que facer reparacións.
A igrexa presenta unha planta rectangular, máis estreita na capela maior, cunha torre adosada no lado sur da fachada principal.
Esta ven acollida por dúas pilastras extremas rematadas en pináculos de bolas. No eixe central está a porta con moldura de media cana e no lintel con cuarteiróns. Mesmo enriba, unha cornixa fai de apoio á fornela con venera na que está a imaxe de S. Miguel sobre peaña que asume a cornixa e adórnase con borla. A imaxe foi realizada en 1940 por Marcelino de Mañufe por encargo de Manuel Martínez “Salvaterra” como ofrenda de acción de grazas.
Unha ventá rectangular de derrame exterior dá luz ao coro.
Remátase con cornixa voada e, no piñón, cruz pétrea.
A torre, de base cadrada, ten dous corpos. No primeiro, polo lado sur, ten un reloxo de sol en pedra. O comezo da escaleira de acceso é exterior polo lado leste da torre e adosado á fachada sur da nave. Unha cornixa dá paso ao segundo corpo para as campás, liso e con arco de medio punto en cada unha das caras. Outra cornixa con pináculos de bola nos esquinais apoia a bóveda formada por un prisma octogonal truncado e rematado en bola e cruz e veleta metálica.
A campá maior foi refundida como consta na súa inscrición no ano 1950 por Juan Campo de Caldas de Reis, xa que estaba rachada.
A pequena é de 1815 e ten gravado: “SAN MIGUEL ORA PRO NOBIS. ANO 1815. LA FUNDIO FRANCISCO FERNANDEZ EN SEVILLA POR ENCARGO DE DON JOAQUIN FERNANDEZ, DON JUAN NUÑEZ Y DON CELEDONIO ALONSO”.
O tellado é a dúas augas na nave e a catro no presbiterio, con pináculos nas esquinas.
A capela maior ten a bóveda con catro nervos moi resaltados que apoian en ménsulas a media altura nos ángulos das paredes. No centro unha gran clave representando unha rosa de catro follas e con botón central, que significan os catro puntos cardinais cada unha das follas, e o centro, o botón, e Cristo.
O retablo maior foi traído de Tui, xa que pertencía á capela da Anunciación da Escola de María, fundada con motivo dunha misión realizada naquela cidade polos Xesuítas en 1728. A capela construíuse ao ano seguinte.
É no ano 1729 cando se lle encarga esta obra a Antonio del Billar, coma se deduce dunha acta da Congregación.
A causa da expulsión dos xesuítas, pouco a pouco foi perdendo importancia e o Bispo D. Xoán García Benito cerrouna ao culto xa que ameazaba ruína.
En 1805 apéanse as paredes e o retablo adáptase na capela maior desta igrexa recentemente construída grazas á mediación do mesmo Bispo.
O retablo presenta un pequeno sotobanco nas rúas laterais, sobre o que está a predela.
Nas casas do mesmo están as peañas adornadas con cabezas de anxo, para a sustentación das imaxes, pois as caixas son planas.
Na rúa central, sen sotobanco, ábrese unha gran fornela para acoller o Sagrario, e adiántase por un escalonamento de tres gradas, que farán de apoio aos elementos de sustentación.
As tres rúas do corpo márcanse claramente pola parella de estípites que enmarcan a cada unha delas. As laterais, con caixas planas de medio punto, remátanse en cartelas adornadas con follaxe.
A rúa central, adiantada respecto ás laterais, elévase por riba delas. A primeira fornela mostra un arco trilobulado no que se sitúa o Sagrario, que non corresponde a este retablo, rematado cunha Cruz. Por riba dela outra fornela, de arco de medio punto e casetóns, ten a imaxe do Patrón. Os machóns que cobren lateralmente o adiantamento adórnanse con nenos xogando con aves e follaxe.
Remátase cunha tarxa vexetal con venera e dúas cabezas de anxo.
O entablamento, quebrado en cada un dos estípites para pronunciar o adiantamento da rúa central, sustenta un ático de tres rúas. Nas laterais, con caixas planas e trilobuladas, nas peañas ten as imaxes de S. Xosé e Sta. Rita, que non son propias do retablo.
A central, entre outros dous estípites, a táboa da Anunciación rematada polo Espírito Santo, que nos recorda a procedencia do retablo.
Remátase en arco apuntado acomodándose o luneto da bóveda.
As imaxes propias que conserva este retablo son as de S. Xoaquín e Sta. Ana, que están no seu lugar, nas caixas das rúas laterais. As outras dúas imaxes, que ocuparían as do ático, eran S. Xosé e S. Filipe Neri, que no seu día pasaron a pertencer á Confraría de S. Telmo en Tui.

Festas e romaxes de Viladesuso

  • S. Miguel: 29 de Setembro.
  • Corpus Christi: (Variable)


Bibliografía: Arciprestados de Tui-Vigo, A Guarda-Tebra, Tomo II.


Localización

Parroquia: Viladesuso (San Miguel)
Lugar: O Serrallo
Camino da igrexa 24
36309  Oia – Pontevedra

42.036627, -8.872796


Fotos