CONTEMPLACIÓN MUSICAL

O vindeiro día 7 de outubro faremos un percorrido por algúns dos misterios da vida de Cristo coincidindo coa festividade da Virxe do Rosario. Terá lugar na igrexa parroquial de Sta. Uxía de Mougás ás 19:00. Dándose a man a Palabra de Deus, a palabra do home e a linguaxe do arpa, zanfona e violín camiñaremos por distintas escenas para poder contemplalas coma quen se para diante dunha ventá e abre tódolos sentidos para captar canto sucede no marco que ten diante de sí. Tres verbas combinadas: Escritura, música e poesía estarán ao noso servizo para deixar voar a imaxinación e así, agochados na escena, podamos mirar, sentir, escoitar, cheirar e palpar canto sucede, coma nos invita S. Ignacio de Loyola nos seus Exercicios espirituais.

A parte musical queda nas mans duns grandes referentes da música tradicional galega con proxección internacional: O dúo PÄRBO, formado por Begoña Riobó (violín, arpa céltica e voz) e Anxo Pintos (zanfona e violín).

Na parte da poesía guiarannos os versos da recente publicación ROSARIO Poesía, oración y mística, obra de Mons. D. Gilberto Gómez, bispo de Abancay e natural de Albeos, na nosa diocese de Tui-Vigo, premio internacional de poesía mística.